A rebelión dos Crioulos

Hai agora dous séculos que comezaron as rebelións emancipadoras nos territorios españois de América, un proceso ao que contribuíu a ocupación polas tropas napoleónicas da península e a abdicación de Fernando VII (1808-1814), xa que enfraqueceu a orde colonial imperante. A poboación das colonias americanas sumaba daquela uns 12 millóns de persoas, sendo a composición étnica a seguinte: un 46% de indíxenas, 26% mestizos, 20% brancos e 8% negros. Os habitantes da península eran uns 10 millóns.

Desde finais do século XVIII fóranse desenvolvendo importantes puntos de confrontación entre os crioulos (descendentes de peninsulares), que serían o grupo dirixente e máis favorecido polas revoltas, e o Estado imperialista dominante. Destacando, en materia económica, falta de liberdade no comercio exterior; e no político, o papel predominante que tiñan os peninsulares nos cargos públicos, malia ser unha pequena minoría da poboación. Ademais alentou a loita a prol da emancipación: a independencia dos Estados Unidos (1776) e Haití; a Revolución Francesa (1789), coas súas ideas de liberdade, igualdade e fraternidade. Alén diso, os acontecementos na península reflectiron que “en España non existía xa autoridade nacional algunha (…). Rotos pois os débiles lazos que mantiñan aínda unidas a España as colonias, estas atopáronse en situación de se dar goberno propio malia que fose con carácter provisorio” (Curso de Historia Nacional, AB Grosso, Arxentina, 1956).

A conxuntura foi aproveitada nas colonias polos crioulos e algúns peninsulares, descontentos coa situación, convocando cabidos para nomear novas autoridades elixidas en votación aberta. Cómpre aclarar que só podían votar os veciños máis sobranceiros, por exemplo ao Cabido Aberto do 22 de maio en Bos Aires serían convocados 450 (sobre uns 40.000 habitantes), aínda que asistiron só 251. Neste caso, como noutros máis, asumirán o poder en nome de Fernando VII. Haberá territorios do vicerreinado que se opoñan, como o Alto Perú (xa que as rebelións de 1809 en Chuquisaca fracasaran), Paraguai, Montevideo ou Córdoba, polo que as novas autoridades envían tropas a estes lugares, producíndose enfrontamentos con resultado diverso.

Hai que salientar que o primeiro dos cabidos foi realizado o 19 de abril de 1810 en Caracas; as provincias da Capitanía impoñen un réxime federal, e a independencia declárase no mes de xullo de 1811. Porén, a Primeira República durará pouco tempo por mor do reaxir realista. O 20 de xullo de 1810 convocouse o Cabido Aberto en Bogotá, no que se elixe unha Xunta de Goberno formada por crioulos, aínda presidida polo Vicerrei, que dimitiría ao pouco tempo. En México, a colonia máis poboada, o pronunciamento (berro) revolucionario de Miguel Hidalgo, na casa rural de Dolores, prodúcese o 16 de setembro. A rebelión neste país vai para alén da planificada polos crioulos, e axiña se converte nunha revolta social dos indíxenas desposuídos contra crioulos e españois, malia que aqueles serán derrotados.

A independencia das colonias da Coroa española tivo un desenvolvemento distinto en cada un dos vicerreinados e capitanías, aínda que o proceso coincidiu no tempo, e houbo un intento serio de consolidar un proxecto común, dos que as campañas militares de Bolívar, San Martín e Sucre para asegurar a emancipación son o mellor exemplo. O outro dato que se debe ter en consideración é que foi un proceso de loitas longo e extremadamente duro. Esquécese moitas veces que foi moi custoso en vidas humanas, tanto de militares como en xente civil, especialmente despois da recuperación do trono por Fernando VII en 1814. En 1815 envíanse 10.000 soldados desde a península para a reconquista de Venezuela e a Nova Granada, baixo o mando de Pablo Murillo “o pacificador”.

Devagar, os patriotas vanse impoñendo, de tal xeito que Chile é liberado despois dos triunfos en Chacabuco e Maipú (1817), por San Martín e O’Hoggins. Venezuela bota definitivamente do país os realistas en Carabobo (1821), o Perú e a actual Bolivia despois das batallas de Junín e Ayacucho (1824), nas que terán un importante papel Bolívar e Sucre. As Provincias Unidas do Río da Plata declaran a independencia en 1816, Chile en 1818, México en 1821, Bolivia en 1825, etc. Só permanecen baixo control realista Cuba e Porto Rico até finais do século, non sen grandes loitas a prol da liberación.

Nalgúns destes territorios os galegos eran numerosos, como no Río da Plata. Por exemplo en Bos Aires no ano 1806 serían un de cada catro milicianos que se enfrontan ás tropas inglesas que queren ocupar a cidade. Despois de 1810 hai galegos que apoian a emancipación e outros que se opoñen, por iso non é casual que o primeiro presidente sexa un fillo de galegos, Bernardino Rivadavia, ou que se incorporen ao exército rebelde moitos emigrantes, en postos destacados, como: Antonio Baz, José Bernaldes, Antonio del Pino, José Lorenzo, Juan Pardo de Cela, Francisco Bermúdez, Joaquín Mosquera… Colaboran coa nova xeira: Antonio Cerviño, Juan Alsina, José Seide, etc. Unha placa no Centro Galego de Bos Aires lembra a contribución á loita emancipatoria.

Os galegos emigrantes en América foron receptivos aos anceios de liberdade dos pobos; o mellor exemplo foi a marcha convocada en Bos Aires pola colectividade galega co gallo do 150 aniversario da independencia arxentina. Nesta manifestación participaron 200.000 persoas, segundo a revista Galicia do Centro Galego, abrindo a marcha ducias de gaiteiros. Na década dos 60 do século pasado vivían nesta metrópole medio millón de galegos e galegas “a quinta provincia de Galiza”.

A loita pola liberdade na América Latina, como sosteñen hoxe os sectores revolucionarios do continente, estaba incompleta. Era necesaria unha segunda independencia. Primeiro, porque a liberdade estaba secuestrada polos Estados Unidos. Segundo, porque faltaba xustiza social e un trato xusto cos pobos orixinarios e os afrodescendentes. Nas últimas dé cadas houbo grandes avanzos nestes aspectos, por parte dos países que integran a ALBA, que fan pensar que se está abrindo camiño ao proceso final da liberación nacional e social.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde