A razón de ser do sindicalismo nacionalista de clase

Só a ruptura da dependencia colonial de Galiza a respeito do estado imperialista español e, por conseguinte, a construcción dun estado galego independente pode garantir condicións de traballo e de vida digna á clase obreira e ao conxunto das traballadoras e traballadores galegos. Esta idea forza encamiñou desde hai mais de corenta anos a acción da militancia sindical nacionalista e alumou diversas expresións organizadas que, tras os avatares propios dos proxectos en constucción, abocaron na consolidación da actual Confederación Intersindical Galega. A escasa teorización académica durante todos estes anos sobre a relacion dialéctica entre a loita obreira e a loita de liberación nacional non foi óbice para que non se xerasen no propio movemento obreiro profundas análises sobre a caracterización da nosa existencia como nación dependente, necesitada de soberanía, e de como esta realidade determina definitivamente a loita de clases no noso país, e polo tanto a extratexia para a construcción dunha sociedade sen explotación que non pode ser outra que o socialismo. Lonxe de perder vixencia co paso dos anos, a bandeira da soberanía nacional presidiu sempre a loita no día a día do sindicalismo nacionalista galego, sen que por desgraza isto fose impedimento para o avance da españolización da clase traballadora.

O sindicato: primeiro contacto coa realidade nacional galega

Así como múltiples son as causas que levan a un traballador a tomar contacto co sindicato, a aderir á sección sindical no centro de traballo ou a dar o paso para ser representate no comité de empresa, tamén é dispar o evoluír de cada quen unha vez ingresa no sindicato. Se quixermos estraer un común denominador do perfil dunha traballadora estaríamos a falar dunha persoa que vive unha situación de inxustiza ou de vulneración dos seus dereitos, e procura apoio e asesoramento en quen considera que pode ofrecerllo coa máxima garantía. Son inmensa minoría as persoas que toman contacto co sindicalismo cun posicionamento ideolóxico claro, concordante cos nosos obxectivos estratéxicos de liberación nacional e social de Galiza. Máis ben é todo o contrario. A realidade é que no plano social, a aceptación da orde democratico-burguesa, a ilusión da vía legalista para combater a explotación, en definitiva, a asunción da ideoloxía dominante e o desclasamento son os rasgos propios de calquera obreiro ou obreira que se achega pola primeira vez ao sindicato. De igual maneira no plano nacional a “desnacionalización”, o complexo de inferioridade, a mentalidade diglósica e mesmo a defensa dun españolismo instintivo — que non político — tamén é o propio de calquera persoa traballadora víctima do bombardeo constante da propaganda dun rexime que ten como obxectivo a nosa desaparición como nación, e que non deixa de inocular a todas as horas resignacion e autoodio. 

Con esta realidade complexa o papel que debe xogar o sindicalismo nacionalista é precisamente o de exercer de parapeto e de contrapoder para a ofensiva frente ao avance dun españolismo desbocado, remarcando en todo momento — como sempre, pero agora máis que nunca — a relación das precarias condicións de vida e de traballo do proletariado galego coa dependencia colonial de Galiza.

Ningún dos problemas que sofremos, e que mesmo son socialmente percibidos como inxustizas para co noso pobo, se poden desvincular da nosa condicion de nación politicamente oprimida e economicamente dependente. Xa falemos de desemprego ou de precariedade laboral, de expoliación dos nosos recursos ou de destrución do medio, de agresións á lingua ou ao patrimonio, de emigración xuvenil ou de pensións miserentas, estamos sempre a falar das consecuencias de non sermos donos do noso propio estado soberano e non só dos efectos de vivir baixo o sistema de explotación do capital. É polo tanto imprescindíbel que a clase traballadora galega perciba o sindicato non só como a organización que lle vai prestar todo o apoio e orientación no momento que o precise, que polo xeral é o momento do conflicto capital-traballo, senón como a organización que lle ofrece a posibilidade de comprender a realidade na que vive, o por qué desa realidade, o común desa realidade a todo o pobo traballador galego, e en consecuencia a necesidade da independencia nacional como indisociábel da loita pola xustiza social.

Un discurso independentista cos pés na Terra

A concepción do sindicato como un instrumento de loita e de contrapoder, cuns obxectivos estratéxicos definidos de liberación nacional e social do pobo galego que lle da sentido a súa existencia, debera ser — e así é en certa medida — o propio de quen xa asume un determinado nivel de implicación coa organización. 

Sendo inmenso o esforzo feito non últimos aos, e que se continúa a facer, no que respecta a formación politico-sindical dos delegados e delegadas, e sendo asimesmo moi salientábel a parte orientada ao estudo e discusión da cuestión nacional sempre en chave soberanista, segue sendo moito o traballo pendente se perseguimos que cada un de nós sexa un axente activo no seu ambito para a difusión do proxecto soberanista e a neutralización da propaganda do españolismo.

O proceso independentista en Catalunya demostrou a inmensa capacidade do rexime de pór en funcionamento ao unísono todo o aparato de estado (forzas represivas, xudicatura, gran patronal, medios de comunicación, etc…) para desartellar o movemento soberanista. E demostrou asimesmo que, ao cabo, son a forza do pobo organizado, a mobilización social masiva e a acumulación de forzas a redor de consignas claras as que poden pór en xaque a España unitaria.

Levar até as ultimas consecuencias a propia razón de ser do sindicalismo nacionalista galego implica pasarmos a primeiro plano a necesidade de construción dun estado independente, non como entelequia remota senón como a única posibilidade real de poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra. Un camiño que non vai ser doado, que decerto non vai dar froito no inmediato, e que supón asumir que cómpre sementar pacientemente no frente sindical para ir forxando unha militancia obreira blindada, único alicerce posíbel que termará do proceso de construción da nosa república — galega, independente e ao sevizo da clase traballadora.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde