A privatización da miseria

Para falarmos dos Servizos Sociais en profundidade e con atino, farían falla ducias de tinteiros e quilos de papel, o que non é posíbel para este obxectivo, polo que si quero pór unha pincelada na situación actual, dentro do conxunto dos concellos do país e do Goberno da Xunta, cuxa responsabilidade é do Partido Popular.

Nunha sociedade que se cualifica do Benestar, as clases máis desfavorecidas deben ser tratadas coa dignidade que, como seres humanos, lles corresponde, cubrindo as súas necesidades máis urxentes, propias dun Estado social, como define a Constitución española vixente, a de 1978, que moitos dos que hoxe teñen responsabilidades políticas predicaron, aprobaron e seguen a apoiarse nela cando lles beneficia particularmente.

Este colectivo é a vítima dunha sociedade inxusta, con dobre moral, creada polo sistema capitalista máis salvaxe que xera as crises que logo pagamos os cidadáns de a pé, e que eles fabrican colectivos de marxinación social, que son os máis sufridores, destes esperpentos dolarizados que non se fartan de amorear fortunas, a custa de sufrimento do xénero humano.

 Os Gobernos municipais, que son os que mellor coñecen a situación real de cada veciño/a e das familias, asumiron unha ringleira de competencias, transferidas de facto, ben polos gobernos españois, ou polos da Xunta de Galiza, sen recibiren, parellamente, ningún tipo de orzamento nin transferencia económica, poñendo os concellos en situación de quebra e desesperación.

Nos Concellos gobernados pola dereita, ou naqueles da pseudoesquerda españolista, contémplanse partidas económicas miserentas que logo son ofertadas de xeito caciquil, selectivo, ao máis puro estilo decimonónico. E falo de cantidades, en tempos de derroche e opulencia, que non cubrían nin o 25% das súas necesidades reais. Pois imaxinade cales son as cifras que se transformaron con maquillaxe e que non chegan nin a cubrir as necesidades do 10% da poboación, en situación de marxinalidade, desemprego ou desestruturación.

Só aqueles concellos onde a esquerda nacionalista tivo a responsabilidade de gobernar, mudaron as cantidades e o estilo de repartilas, cubrindo, de xeito escrupuloso, e con dereito á intimidade e integridade dos seus destinatarios, con xustiza e equidade.

A meirande parte dos concellos asumiron submisamente esas competencias, baleiras de contido económico, sen petar nas mesas dos seus amos políticos para reivindicar o dereito fundamental destes municipios a contar con transferencias decentes e cubrir as necesidades que lle correspondía á Administración central ou autonómica. A Xunta do Partido Popular, ao longo de tantos anos co Sr. Fraga, tampouco foi capaz de plantarlle cara nin ao goberno do PSOE nin ao amigo, do Sr. Aznar. A todos eles, correspóndelles asumir a covardía política diante dos seus Xefes, e a valentía despiedada, diante dos que, cos seus votos, os levaron ao poder municipal, autonómico ou central, e que hoxe lles ofertan o desprezo máis cínico que caracteriza a esta caste política. Nin sequera diante dos órganos que agrupan o municipalismo, ben FEGAMP, ou FEMP, Pacto Local, etc., presionaron para que se aprobase e cumprise unha lei, a cobertura económica dos concellos co fin de paliar os desequilibrios sociais, ou situacións de emerxencia que existen nas nosas cidades e vilas.

Os gobernos galegos do PP e en parte do goberno central sempre tiveron a idea de que o dos servizos sociais era un tema de caridade, de piedade e de resignación, utilizando a Igrexa para convencer da xustiza divina que todo o compensa; ou de pensar que cada un ten o que se merece. Non teñen sensibilidade, nin analizan as causas que orixinaron a marxinación ou desestruturación social dun fogar ou colectivo. Non cren na solidariedade e gostan das esmolas en público para quedaren por bondadosos.

E trasladándose a unha situación de crise que estamos a sufrir desde hai dous longos anos, estendida a outras partes do planeta, como a crise dos 30 en USA, provocada polos sistemas neoliberais sen ningún tipo de escrúpulo, creando unha situación de crise psicolóxica que provocou maior emerxencia. As expresións “A explotación do home polo home” ou “o Proletariado”, que moitos cualifican de obsoletas, están vixentes aínda que as actitudes de sometemento sexan máis sutís e encubertas.

Todos eles, gobernos centrais, autonómicos e municipais, acatan submisamente as recomendacións do Fondo Monetario Internacional, da Banca Mundial, do director de Banco de España, o Sr. Ordóñez, ou do Clube Bilderberg, que celebrou xuntanza en Sitges (Catalunya) no mes pasado, como bos servidores do poder económico inhumano, depravado, cuxas recomendacións van dirixidas a restrinxir o gasto público no que se encadra o gasto social, e que afecta aos máis débiles. Pero o máis grave de todo este panorama dramático, é a actitude deses todos gobernantes da dereita españolista e da esquerda descafeinada, que, das míseras cantidades adicadas ás políticas sociais, ben sexan residencias, centros de día, transporte adaptado, galescolas, consorcios, etc. , se adican a desmantelar o que comezaba a camiñar e dar rendemento social, para pór en mans privadas a execución dos servizos, que van dirixir os seus amigos, por medio de chiringuitos ou culebróns como o Gurtel, as miserentas cantidades, facendo minguar, no seu conxunto, o monto destinado a fins sociais, co obxectivo de compensar gastos de campañas ou roubar para os seus petos particulares.

A situación é denigrante e perversa, aproveitándose dos máis desprotexidos, dos que non teñen nin forzas nin coñecementos dos seus dereitos para denunciar estas prácticas, remendando con decretos e resolucións as disposicións legais que xeran un dereito individual, como a Lei de Dependencia, e así prostituír os principios e a filosofía da propia norma, para entregar a mans privadas o diñeiro publico, e polo que se pode concluír dicindo que chegan a “privatizar a miseria”.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde