A mal chamada crise económica que estamos a vivir non é máis que a escusa para que o PP aplique a súa ideoloxía de dereitona rancia con políticas de austeridade e recortes no gasto público, que o que pretenden na realidade é o empeoramento de xeito brutal da calidade de vida da maior parte da poboación, recortando, xunto co gasto, dereitos e liberdades que tantas décadas de loita custou acadar.
Isto afecta de forma especial ás mulleres, que ademais de sermos singularmente agredidas polas políticas laborais e económicas, vemos como se está a impoñer a ideoloxía machista e patriarcal de forma cada vez máis acentuada, que pretende a nosa volta ao fogar e o control sobre os nosos corpos e as nosas vidas.
No ámbito laboral, a desigualdade entre homes e mulleres, xa normalizada antes da crise, aumentou dende o comezo da mesma. A destrución de postos de traballo, que incidiu de forma masiva nos homes dende o 2008, afectaba a un 10% de mulleres nunha primeira etapa da recesión; no 2012, a porcentaxe ascendera xa ao 25%. A taxa de paro feminino en Galiza duplicouse nos últimos cinco anos, ata chegar ao 20%, e os datos da CIG apuntan a que unha media de 30 mulleres perderon diariamente o seu emprego na Galiza nese mesmo ano. Ademais, a desigualdade salarial, tamén xeneralizada, supón unha diferenza do 23% nos soldos que perciben homes e mulleres. A precariedade laboral tamén incide máis nas mulleres, que ocupan tres de cada catro postos de traballo a tempo parcial (o cal afecta á cotización e as prestacións por desemprego). A isto temos que sumar que cada vez son máis as que se converten en sustentadoras do fogar, debido á incidencia do desemprego masculino, e que a aplicación da reforma laboral do goberno do PP acelerou a destrución de emprego.
E, como non, as políticas de austeridade e recortes no gasto público supoñen unha dobre penalización para as mulleres, pois a falta de financiamento da sanidade, a educación, e, sobre todo, a dependencia, leva a que sobre elas recaia a responsabilidade destes servizos, básicos para a dignidade de vida das persoas, e tradicionalmente asociados á actividade feminina. Se a isto se lle une a invisibilidade e infravaloración do traballo das mulleres no fogar e no sector primario, atopámonos cunha situación laboral que, se xa era desigual antes da crise, a raíz desta supón un empeoramento letal das condicións de vida e traballo das mulleres. Por non falarmos das dificultades coas que se atopan (e que xa existían antes) na conciliación da vida laboral e familiar, así como no acceso a postos de dirección, que supoñen unha mostra do longo camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade laboral e a independencia económica para as mulleres.
Así mesmo, os recortes nas políticas de igualdade e institucións orientadas a rematar coa lacra do terrorismo machista, supoñen unha total desprotección para centos de mulleres que sofren nas súas carnes a violencia do sistema patriarcal, tanto económica e laboral, como física.
Polo tanto, hai que ter en conta que as políticas económicas e laborais do goberno do PP, que non só ignoran, senón que empeoran a dignidade e calidade de vida das persoas, afectan a toda a poboación, pero de forma máis intensa a un sector xa tradicionalmente maltratado polas políticas públicas e as estratexias económicas capitalistas.
E aproveitando a situación de shock económico que está a vivir a poboación, atopámonos con que este goberno introduce, non só nas súas políticas, senón tamén no seu discurso, de forma normalizada, ideas e conceptos que semellan unha volta atrás no tempo de décadas, relacionados coa consideración social da muller e os seus dereitos sexuais e reprodutivos. A tentativa de reforma da Lei do Aborto, promovida por Gallardón, é boa mostra disto, pois supón un intento de controlar os nosos corpos dende a perspectiva ideolóxica do partido gobernante, fondamente influída polo pensamento católico. Este supuxo unha lacra secular na liberalización da muller, ao defender o modelo “tradicional” de familia e reclusión da muller no fogar, ademais de conceptos intrínsecos na súa doutrina, como a subordinación e inferioridade da muller con respecto ao home. E non só a reforma da lei do aborto, senón tamén a tentativa de reintroducir a relixión como parte do corpus educativo nas escolas públicas, supoñen un retroceso inimaxinable para a situación social da muller, pois foron moitos anos de represión e loita os que tiveron que pasar para que se comezase a camiñar cara á igualdade e a liberación feminista; grandes esforzos que, en poucos anos, están sendo obviados e ninguneados polo goberno do PP, que trata de impoñer a súa ideoloxía machista e dereitista a toda unha poboación que non debería estar disposta a dar marcha atrás nos dereitos e liberdades que tanto custou acadar, e que non é cuestión unicamente das mulleres, senón de toda a humanidade, pois formamos parte dela. Por iso, a soberanía será feminista, ou non será.