A dependencia económica, política e cultural de Galiza ao Estado español inflúe de forma fundamental no ensino, que é utilizado desde hai décadas como un elemento alienante e asimilador co actual sistema, nunha ofensiva directa contra os trazos específicos e a identidade que temos como pobo. O sistema educativo busca moldear as novas xeracións ás necesidade da empresa privada convertendo o ensino nunha fábrica de man de obra explotábel en precario, ficando excluídas de calquera tipo de modelo alternativas de ser formados na realidade da nosa Terra.
A maior ofensiva que existe nestes momentos contra o ensino público galego é, sen lugar a dúbidas, o Plano de Boloña e as consecuencias que del derivan. Combater esta reforma e construír unha resposta acaída segue a ser o maior reto ao que nos enfrontamos as e os estudantes, resposta que non se ten efectivizado de forma satisfactoria no noso país na práctica, algo que xa analizamos criticamente no pasado. É un proceso que vén de lonxe, pero que ningunha forza política tivo interese en abordar nin en combater, actitude que se estendeu, por desgraza, a unha parte da militancia estudantil nacionalista.
O modelo que Boloña impón baixo unha presunta harmonización europea é antitético á nosa proposta en moitos eidos. A Universidade ten que funcionar como núcleo da investigación e do saber ao servizo das maiorías sociais e das clases populares do noso país.
Apostamos por un modelo de ensino no que os e as estudantes participen verdadeiramente na vida universitaria, no goberno da Universidade, na toma de decisións sobre o seu funcionamento garantindo un futuro mellor e máis xusto para as vindeiras xeracións e non só asistindo a aulas, estudando ou facendo exames.
Relacionado con isto, a adaptación ao EEES impulsa a competitividade entre estudantes esixindo un nivel de traballo que se pode equiparar perfectamente ao propio dunha xornada laboral, o que complica a participación do estudantado na vida diaria da universidade, alén daqueles temas estritamente académicos, ao non dispoñer de tempo para outros asuntos; aumento de horarios e nivel de traballo que repercutirá moi negativamente xa que reducirá o número total de universitarios, pola imposibilidade de compatibilizar traballo e estudos.
Neste intre, non podemos máis que chamar á autoorganización do estudantado superando modelos anteriores xa esgotados, construíndo as ferramentas válidas, combativas e revolucionarias que o ensino deste país demanda. É preciso que todas nos impliquemos na loita por un ensino galego, democrático, de calidade, público e non patriarcal, xa que é o piar fundamental sobre o que temos que construír a Galiza que virá.