Cando un compañeiro de traballo me preguntou para que queriamos un Plan de Igualdade nun sector no que a maioría dos contratos eran de mulleres, pensei que estaba bromeando comigo. Co tempo, decateime de que existe moi pouca reflexión social sobre que papel xogamos no mundo do traballo e que, iso que naquel momento considerei unha anécdota puntual, é unha sinal de alarma. Só mudando conciencias mudaremos realidades.
A muller e a precariedade
O IGE analiza os distintos motivos que conducen ás traballadoras/es a traballar baixo algunha modalidade de contrato parcial. Os dous que imos ter en conta, por consideralos representativos (coidado de persoas dependentes e imposibilidade de optar a xornadas completas) son unha evidencia máis de que o capital ataca á clase traballadora no seu con- xunto pero sen dúbida ten un papel concreto e perverso designado para as mulleres.
No 2010, eran 14.000 homes os que non podían atopar un traballo a xornada completa, fronte ás 48.000 mulleres. Cinco anos despois esas cifras aumentan en ambos sexos, pero o dobre nas mulleres: 24.000 mulleres fronte aos 11.000 homes que pasan a engordar a cifra anterior. Ao mesmo tempo, 12.000 mulleres vense obrigadas no 2014 a traballar baixo esta modalidade porque teñen que facerse cargo de persoas dependentes, fronte a unha cifra moitísimo menor: 500 homes. Só cómpre botar unha ollada á composición de xénero dos principais sectores para comprobar que os máis precarizados son os que desenvolvemos as mulleres (mentres que no sector servizos somos máis da metade con moitos subsectores feminizados, como o telemarketing, a hostalaría ou o dos coidados-; na industria, non chegamos ao 30%).
Ademais, no que atinxe á negociación colectiva, constatamos como, sobre todo naqueles sectores que teñen un ámbito de negociación estatal, a Patronal avanza, auspiciada polos sucesivos gobernos centrais, polo camiño de recortar dereitos e aumentar beneficios. A estampa de negociación típica é a de homes, todos vestidos de traxe. Esa estampa, ademais de típica, é a que sufrimos por exemplo no sector dos Centros de Chamadas: como é evidente, o 100% dos membros da patronal son homes. Por parte da representación social, e a pesar de sermos un sector feminizado, só o 50% son mulleres e moi poucas traballan no sector. Nos últimos anos as agresións da patronal intensificáronse, pois, sen que existise un contrapeso que fose capaz de deter ese devir. Lonxe de estarmos en disposición de adoptar acordos en materia de igualdade, e dado que o nivel de organización das traballadoras/es é distinto territorialmente, as posicións que adoptamos son puramente defensivas e non acaba por tratarse co detalle na análise que require a cuestión da muller. As consecuencias coñecémolas todas/os: temporalidade, salarios baixos, dificultade na conciliación, sobre explotación. Para as mulleres, ademais, está a outra faceta ocultada.
A muller traballadora-traballadora
O acceso da muller ao mundo laboral non trouxo consigo mecanismos que suplisen o papel que tradicionalmente desenvolviamos no fogar. Vímonos obrigadas a reordenar a nosa cotidianidade en base a ese papel de coidadoras que nos foi imposto por obra e graza do noso sexo. O feminismo organizado contribuiu para visibilizar esta problemática pero iso non se traduciu en mudar a situación. De feito, os datos do punto anterior exemplifican esta realidade: cada vez máis mulleres optan por un contrato parcial para combinar o seu dobre traballo, gañando un salario complementario (que con máis frecuencia nos últimos anos, se convirte no principal). Pero moitas directamente vense obrigadas a permanecer no fogar, sen ningún tipo de dereito. Algo, por outra parte, consecuente coa realidade demográfica galega: non existe, entre outras moitas cousas, unha rede asistencial pública de calidade que garanta o coidado das persoas maiores. Ou si: fano as mulleres, de xeito gratuíto, a costa de renunciar á súa vida íntima, social, laboral, etc.
Os poucos servizos que hai, case todos privados, de asistencia a domicilio, son desempeñados por mulleres inmigrantes que ademais de sufrir unhas condicións laborais ultra-precarias, son vítimas dun racismo máis ou menos silencioso. As residencias públicas están saturadas e as privadas non son para todos os petos. Por outra parte, tampouco son o único modelo a seguir: existen moitas formas de concibir a familia e para moitos anciáns e os seus familiares supón un trauma separarse.
O capital é, sen dúbida, o máximo beneficiario desta situación. Mantén sectores feminizados cunha man de obra sobre-explotada, recortar nos poucos servizos públicos existentes destinados a persoal dependente, espreme os homes na idade de maior potencia física para desempeñar os traballos máis duros, infraremunerados pero “socialmente aceptables” en comparación coa media -rebaixada sobre todo polo sector servizos, con maior presenza feminina-, utiliza as mulleres como man de obra gratuíta para as labores de coidados, e ademais reproduce o ideario patriarcal na conciencia da sociedade, para que nada mude e todo pareza, simplemente, normal.
A muller traballadora organizada
A conciencia dos traballadores non pode ser verdadeiramente de clase, se non se rebelan contra todo tipo de abuso, opresión ou violencia por causa de xénero. Como traballadoras e feministas debemos acreditar no socialismo como a única alternativa válida para a liberación da muller, en tanto que sustenta o sistema económico nas necesidades das persoas. Cómpre avanzarmos nesta idea e facela eixo das nosas reivindicacións como clase.
É evidente que a solución é organizarse. Pese ás dificultades engadidas que temos por sermos mulleres no sistema que nos tocou combater. É evidente, tamén, que os homes teñen que facilitar a incorporación da muller en espazos contrahexemónicos. Iso non se consegue unicamente establecendo medidas correctoras como as listas cremalleira, se non que é tamén preciso, entre outras moitas cousas, mudar a concepción da distribución das tarefas do fogar: os homes deben ser corresponsables permitíndonos, así, o espazo que o patriarcado nos vetou por sistema. Debemos ter tempo para saber quen somos, a onde imos e como imos facer para conseguilo.