A loita de clases continúa

A estas alturas da crise económica xa é sabido por todas e todos que a orixe da mesma non está na economía produtiva. Dun tempo a esta parte a economía ligada ao mundo das finanzas, é dicir, aquela ligada ao mundo da especulación e que non produce beneficios para a clase traballadora nin para o conxunto da sociedade, é quen marca os ritmos económicos mundiais. Estamos ante un panorama onde as rendas derivadas do traballo da clase obreira xa son inferiores ás xeradas polo capital especulativo.

A clase traballadora leva sufrindo os excesos do gran capital e agora estes acrecéntanse ante un neoliberalismo voraz que quere manter o seu nivel de beneficios a toda costa. Os despedimentos de compañeiras e compañeiros, os expedientes de regulación de emprego ou os intentos de conxelación dos nosos salarios; así como, a presentación dunha reforma do mercado laboral que afonda na precariedade e camiña cara a eliminar os avances conseguidos; son exemplos que poden ilustrar á perfección como sobre a clase traballadora recaen as consecuencias dunha crise que nós non provocamos.

O papel dos gobernos neste contexto foi o dunha peza perfectamente encaixada no sistema capitalista neoliberal, que mais unha vez revelan a natureza de clase do estado: nos períodos de crecimento económico, cando en apariencia “funciona” o libre mercado hai que demonizar a presenza do estado na economía, sobre todo, na especulativa. O mercado todo o resolve, nada de regular nin de axudar. No caso de que se entre nunha situación de crise que ameace coa quebra do sistema, rapidamente se acude ao Estado para que tape os buratos realizados polo Capital. A demostración concreta desta actitude atopámola nas cantidades inxentes de diñeiro público destinadas á economía financeira. Socialízanse as perdas, pero as ganancias van destinadas aos de sempre. Agora ben, o público serve para salvar á banca, pero non serve para xestionar os servizos públicos. Aproveitando este contexto de crise, observamos como rexurde o eterno debate sobre a suposta inviabilidade a medio e longo prazo do sistema público de pensións, ou como os gobernos reducen as partidas públicas e métense nunha nova etapa de privatizacións de servizos. Unha vez mais demóstrase que as crises capitalistas e a súa xestión convírtense nunha boa oportunidade para preparar a seguinte etapa de crecemento, iso si, con xa menos dereitos para a clase traballadora e máis capitalismo selvaxe.

Evidénciase nesta situación a contradicción de clases. Mentres que para as traballadoras e traballadores a crise é un problema porque, por exemplo, perden os seus postos de traballo; para os capitalistas este aumento do desemprego e esta perda de dereitos non supón un problema en si senón ao contrario, constitue a solución ao seu problema que non é outro que a incapacidade de axustar oferta e demanda e continuar tirando beneficios.

Ante isto, os sindicatos españois UGT e CCOO, na súa liña clásica de pactismo e entreguismo da clase traballadora, fanlle o xogo ao sistema capitalista. Igual que os gobernos, son outra peza perfectamente encaixada para facerlle este xogo. A súa actitude ante as propostas de reforma do mercado laboral son tímidas críticas que nin sequera atacan a liña de flotación deste proxecto: flexibilidade, precariedade, subcontratación… Agora ben, cando hai toque de corneta son os primeiros en asinar o Pacto de contención salarial coa CEOE, deixando no aire as necesarias subas dos nosos salarios. Por se isto non chegaba, aceptan unha cláusula de descolgue daquelas empresas que por causas económicas non poidan actualizar os salarios. En definitiva, café para todos, menos para as traballadoras e traballadores.

O fracaso máis que evidente do modelo de pacto social non é nada novo. As porcentaxes de precariedade e eventualidade no Estado Español son dos máis altos de Europa, demostrando que a liña seguida (e que van seguir) só serve para afondar nas diferenzas sociais.

Esta dinámica de pacto social a calquer prezo ten a súa contestación noutro modelo sindical representado pola CIG. Fronte a uns sindicatos que tratan a clase traballadora como mera comparsa dos seus interese existe un sindicalismo nacionalista e de clase que traballa dende a base, que cre que é a clase obreira galega quen debe coller as rendas do seu destino. Un modelo sindical que debe asentarse na idea de que o sindicato non pode ser entendido única e exclusivamente como unha ferramenta para a negociación de convenios colectivos e para a acción sindical puntual, senón como unha ferramenta de auto-organización da clase traballadora galega a todos os niveis, que loite pola nosa emancipación como clase, que afonde día a día nos nosos dereitos e que combata calquera inxustiza laboral e social, dándolle a cada loita concreta unha perspectiva estratéxica, que se enmarca na loita pola superación do sistema capitalista, e na consecución dunha Galiza soberana e socialista. Tendo sempre presente que quen fai diariamente esa labor son os afiliados e afiliadas nos seus centros de traballo, sendo quen teñen que asumir este proxecto estratéxico nas loitas diarias.

Mais construir día a día este modelo sindical non está exento de contradicións e trabas. Imos atopar co inimigo externo que vai pretender asimilarnos ou combatirnos no dia a día nos centros de traballo (represión sindical, despidos, pucheirazos nas eleccións sindicais, …) e tamén historicamente houbo que desenmascarar as trabas que desde dentro da propia casa, as veces disfrazadas de democratismo e pluralismo, provocan a ruptura da necesaria unidade.

Necesidade da unidade de clase

A debilidade e fragmentación da conciencia de clase por parte das traballadoras e traballadores destaca fronte a unidade de acción da patronal. Os seus métodos de explotación e de exprimir o suor do noso traballo son similares. Os conflitos laborais non se poden ver dende unha perspectiva aillada. Son unha constante loita polos nosos dereitos como clase traballadora e aos que se lles debe dar unha resposta en común. Cada despido, cada impago de salarios non é unha acción individual do patrón senón que se enmarca nunha continua estratexia de diminución dos nosos dereitos. A contestación a esta estratexia pasa pola toma de conciencia da existencia das clases e, polo tanto, da loita de clases. Os nosos intereses e os seus son antagónicos. Eles optan por un modelo de inxustiza onde a inmensa maioría da riqueza estea en mans duns poucos mentres que nós pulamos por un reparto equitativo da riqueza. En definitiva, é a confrontación das ideas neoliberais fronte as do socialismo. Da inxustiza e a explotación  fronte a xustiza social.

Esta nova situación resalta, agora máis que nunca, a necesaria presenza da clase traballadora na política. Non é comprensible que sendo nós a maioría social sexan os outros quen tomen as decisións por nós. Esta foi a premisa pola que comezou a andar o nacionalismo galego hai xa máis de 40 anos: a defensa da nosa clase como traballadora e como galega. Deixou ben claro que as clases populares eran Galiza. O nacionalismo galego sufriu unha transformación que paulatinamente o foi achegando dramaticamente a homologarse a unha organización política máis, dando a impresión de que os seus obxectivos non eran a liberación nacional e social do noso País, senón simplemente a xestión das institucións con modelos homologados ás demáis forzas políticas do sistema. Este modelo estratéxico, alonxado das ideas primixéneas do nacionalismo popular, tense comprobado como errado. O moitas veces proclamado interclasismo, entendido como negación da loita de clases, non ten collida neste proxecto, e quen defenda o contrario só pon de manifesto que a loita de clases existe mesmo dentro do movemento nacionalista galego.

A realidade confirmanos que a clase obreira e o conxunto dos traballadores e traballadoras necesitan organizarse para a loita política. É constatable que nos últimos anos a liquidacion de organizacións e partidos obreiros foi proporcional ao retroceso das conquistas obreiras e á ofensiva do capital. A actual coxuntura dinos que se fai mais necesario que nunca o rearme ideolóxico e organizativo para que no nacionalismo galego e na súa expresión política do BNG as posicións de clase conten co peso específico suficiente para que o rumbo cara a emancipación nacional e social non se altere.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde