A lei da familia: un paso atrás na igualdade

Baixo a desculpa da crise económica, nos últimos meses vimos asistindo a unha serie imparábel de retrocesos nas políticas sociais e de igualdade no noso país por parte do goberno de Feijoo. Os mesmos responsábeis da freada do desenvolvemento de diferentes leis e decretos1 en materia de avances sociais pretenden agora vendernos unha nova fraude disfrazada de política social. Nesta andaina de agresións á que nos ten acostumadas o goberno da Xunta, a nova xogada será a aprobación por parte do Parlamento galego da Lei de apoio á familia e a convivencia, tras a que tan só se agocha a pretensión de aplicar un modelo ideolóxico reaccionario e patriarcal que non defende os dereitos das mulleres nin moito menos a igualdade.

Este anteproxecto de lei supón un novo ataque aos dereitos da muller, relegándoa outra volta aos labores de nai e coidadora (xa non só dos seus cativos, senón de persoas dependentes, maiores, etc.) e estabelecendo a maternidade coma o seu rol principal na sociedade. A filosofía do proxecto favorecerá un retroceso nos avances sociais conseguidos nos dereitos das mulleres e alimentará o patriarcado, volvendo a dous lastres que as femi-nistas queremos ver superados nun futuro mellor: o rol exclusivamente reprodutivo da muller e a concepción heterosexual e tradicional da familia.

Cómpre non esquecermos a importancia das palabras e da linguaxe; se ollamos o texto da Lei de contado vemos como aplica os conceptos ao seu antollo. O goberno do PP xa nos ten demostrado en anteriores ocasións o que entende por “convivencia” (un exemplo entre tantos outros podería ser o decreto do galego) mais, que entende esta lei por familia? Na práctica limita esta entidade aos proxenitores e os seus descendentes, retomando un concepto homoxéneo e retrógrado de familia que obvia a existencia de moitos outros modelos posíbeis.

 Co fin de fomentar a familia, esta lei promove un modelo de aumento da natalidade cuxo prezo pasa por dilapidar o dereito real á emancipación da muller, que se troca pola súa obriga “tradicional” do coidado. Deste xeito obrígase á muller a renunciar ao seu desenvolvemento social e laboral. A acción do goberno, pola contra, debera deseñarse para garantir as condicións de vida necesarias para que as que queiran poidan ser nais, dereito que consiste en bastante máis que dar a luz e que na ofensiva capitalista na que vivimos supón un esforzo enorme. Neste sentido, cómpre lembrar que os recortes sociais afectan en maior medida ás mulleres, nomeadamente ás que teñen menos recursos, aumentando a desigualdade entre homes e mulleres e reducindo os recursos que poderían facilitar que a decisión de ser nai fose unha opción real e non un sacrificio laboral e persoal, que é cara a onde nos levan estas políticas antisociais. Quizais para a mentalidade de quen goberna relegar a muller ao fogar supón unha medida anticrise aforrando en investimento ao dilapidar servizos sociais como gardarías, comedores ou axudas de dependencia, mais, cal é o prezo para as mulleres?

A estratexia da dereita sempre consistiu, e máis nun contexto de crise, en argumentar que as políticas sociais custan cartos e que cómpre reducir custos. Porén, o mesmo goberno que desmantelou con esta desculpa o Servizo galego de igualdade propón agora crear dous organismos definidos de forma ambigua: o Consello Galego da Familia e o Observatorio Galego da Familia. Ademais cómpre lembrar que a proposta de lei xa foi desautorizada polo Consello Económico e Social.

Se este goberno quere dar solucións, debera comezar por incrementar os orzamentos destinados ao gasto social e estabelecer medios para socializar as tarefas que tradicionalmente se lles asignaron en exclusiva ás mulleres, que viron reducido a nada o seu tempo de lecer e desenvolvemento vital. Saúde e educación son dous piares fundamentais para mellorar a sociedade, e non se poden permitir máis recortes nesta área. Ademais, esta lei esquece facilitar medidas de conciliación laboral, co cal non achega nada en positivo para as mulleres traballadoras que desexen ser nais.

Outra cuestión gravísima a respecto desta lei é que obvia a alternativa do aborto e unicamente fala da acollida e a adopción como ferramentas para a muller xestante, pretendendo pasar por riba outras lexislacións. Do mesmo xeito, equipara os non natos cos nacidos, cando non é a esta institución a quen corresponde decidir cando enceta a vida e isto xa está regulado pola lei. Este goberno parece non querer ver que as mulleres somos donas do noso corpo e debemos ter o dereito a decidir se queremos ou non ser nais e poder recorrer a métodos para evitar ou interromper a concepción. Por outra banda, alén de non distinguir maternidade de sexualidade, apenas fala dos métodos anticonceptivos e mentres neste país falta investimento en educación afectivo-sexual o PP dedicouse a eliminar iniciativas coma os centros Quérote. É esta, ademais, unha lei construída sobre o aire na que hai ocos inadmisíbeis, como non mencionar a violencia machista cando se está a falar do principal ámbito no que ten lugar, a familia. Por outra banda, na maior parte do seu desenvolvemento non contempla actuacións concretas dirixidas aos membros da unidade de convivencia que non formen parte da infancia e adolescencia. Nun país envellecido coma o noso é delirante non facer fincapé nas medidas para persoas maiores. Do mesmo xeito, unha lei coma esta debera dar prioridade a situacións de dificultade, como poden ser casos de discapacidade ou dependencia, mais a lei esquece tamén estes colectivos.

Así pois, non se pode máis que esixir a retirada deste proxecto e a posta en marcha de medidas que verdadeiramente respecten a capacidade de decidir das mulleres e que camiñen cara a un mundo máis xusto para todos e todas nós.

1. Como a Lei galega 7/2004 para a igualdade de homes e mulleres, a Lei galega 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, a Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia, a Lei 2/2007 de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, ou o Decreto 15/2010 que regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde