A inxerencia como mecanismo de dominación dos pobos

A escalada bélica que vimos presenciando nas últimas semanas en diferentes rexións do planeta semella algo aleatorio, sen embargo forma parte dunha estratexia global ben planificada que se impón cada vez con máis forza. A crise económica capitalista levou ao imperialismo a desatar novas guerras de rapina e a incrementar as manobras inxerencistas en nacións soberanas, porque do control dos recursos enerxéticos depende o funcionamento do propio sistema. A tentativa por parte da OEA de aplicar a mal chamada “Carta Democrática” en Venezuela, o bombardeo estadounidense da base aérea siria ou as ameazas de intervención militar na República Popular Democrática de Corea teñen un nexo común: o dominio absoluto de territorios e recursos para poñelos a disposición das grandes corporacións do poder transnacional.

Como teñen analizado as forzas progresistas de América Latina, o imperialismo norteamericano continúa aplicando a doutrina Monroe para o continente, pretendendo saquear as riquezas dos pobos que coa chegada de gobernos transformadores foron postas ao servizo da maioría social. En Venezuela, o camiño impulsado pola revolución bolivariana para desenvolver o seu propio proceso de liberación, ven sufrindo unha e outra vez os embates dos planos orquestrados pola oligarquía do país en colaboración co imperialismo.A intensificación dos planos desestabilizadores contra o proceso revolucionario tiveron o punto álxido na acción inxerencista da OEA e do seu secretario xeral Luis Almagro, na procura da intervención externa nos asuntos do país. Ademais, a administración norteamericana mantén en vigor a orde executiva que considera a Venezuela unha “ameaza extraordinaria”. Mais este intervencionismo non se centra apenas en Venezuela senón que que se observa noutros países que desenvolveron políticas progresistas -que non transformadoras- como Ecuador,Bolivia ou Brasil, país quen ven de sufrir un golpe de estado por parte da dereita imperialista, racista e machista.

Unha característica do dereito de inxerencia é non respectar o dereito internacional, argumentando a defensa dos dereitos humanos como ferramenta de agresión imperialista. Previamente, a campaña de propaganda e manipulación levada a cabo polos medios de comunicación do sistema busca lexitimar a intervención perante a opinión pública, convertendo estes dereitos nunha escusa para agredir e dominar pobos enteiros.

Para explicar os seis anos de guerra no territorio sirio, hai que entender o proceso que a levou á situación actual de guerra na que toman parte países e exércitos de diferentes latitudes. En 2011 iniciouse unha guerra de caos permanente que busca destruír o conxunto da sociedade siria e na que os medios de comunicación marcan a ruta por onde queren que se coñeza o conflito. Posteriormente, os gobernos occidentais en colaboración cos aliados do golfo brindaron un forte apoio económico e armamentístico a centos de grupos mercenarios e terroristas, entre eles Al-Qaeda e DAESH, coñecidos en occidente como “rebeldes moderados”. Para comprender estas alianzas temos que preguntarnos para quen son funcionais os diferentes grupos terroristas que operan na rexión, e son os poderes hexemónicos e as grandes corporacións que rexen o mundo. A situación desatada en Siria non é máis que unha parte do proxecto iniciado polo goberno estadounidense que tiña como obxectivo redebuxar o chamado Medio Oriente para beneficio das grandes empresas enerxéticas. Porén, este país sofre non só unha inxerencia militar senón política e económica, responsable da propagación do terrorismo e da crise humanitaria que se vive na rexión.

Nada disto pode imaxinarse sen ter en conta o constante intervencionismo dos Estados Unidos no mundo, ferramenta utilizada desde os seus primeiros días como nación, baseándose no pensamento do “Destino Manifesto” para invadir e saquear outros pobos. Este pensamento baséase na convicción de que a autoridade divina escolleunos para ser unha potencia política e económica e rexer así o porvir do mundo. No século XIX desprazou dos seus territorios aos pobos indíxenas e interviu en Porto Rico, Cuba, Nicaragua ou México entre outros. Após a Segunda Guerra Mundial, co argumento de conter o comunismo, interviu no continente asiático e en América Latina, masacrando a millóns de persoas e promovendo gobernos reaccionarios e fascistas. Nos anos 80 e 90 utilizaron a loita contra o narcotráfico para intervir nos asuntos internos de diversos pobos latinoamericanos. Na actualidade é a guerra contra o terrorismo a nova escusa para seguir aplicando a súa política inxerencista coa colaboración directa de estados títeres que permitiron que na actualidade conte con preto de 600 bases militares estendidas por todos os continentes.

Puidera parecer que a análise está incompleta porque so se centra no papel que xogan os Estados Unidos na xeopolítica global existindo máis actores noutras latitudes. Pero se ben é certo isto, non é menos certo que as propias relacións internacionais pasan inequivocamente polos despachos dos seus principais axentes políticos, económicos e militares. Así o veñen demostrando os conflitos que se veñen sucedendo en Venezuela, Siria, Ucraína, Iraque ou Brasil.

Con estes datos, podemos concluír que a guerra (xa sexa militar ou económica) é o soporte do sistema capitalista. A reprodución normal do capital non pode sobrevivir sen un proceso de guerras de dominación absoluta, de ocupación de territorios (véxase Palestina ou o Sáhara) e de manobras inxerencistas que teñan como obxetivo a desestabilización interna de países. En definitiva, o intervencionismo -nos seus múltiples tentáculos- está asociado á dinámica do propio sistema capitalista e a súa voracidade e necesidade de obter o máximo lucro ao mellor custe posible. Por iso os planos imperialistas susténtanse na dominación dos pobos e os seus recursos.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde