Vivimos nun sistema con dúas clases antagónicas: explotadores e explotados comparten espazo con regras de xogo concretas que sempre son escritas por quen ostenta o poder, e combatidas con maior ou menor éxito e intensidade por quen precisa conquistalo.
Produto dos diferentes intereses enfrontados de ambas as dúas clases, créanse e recréanse distintos instrumentos de poder, pero tamén de resistencia. Podemos considerar como unha das ferramentas principais do capital a represión, que outorga ó estado burgués, ó servizo das grandes oligarquías do mercado, unha enorme posibilidade de control social. Así mesmo, a ferramenta esencial da resistencia é unha organización sólida e consciente que sexa capaz de analizar a realidade de xeito preciso, que saiba utilizar as sombras e as luces da lei e que teña un obxectivo firme que trascenda a súa propia existencia.
Eliminar as clases sociais é unha necesidade que moitos ven e viven como algo utópico. Non en van a hexemonía cultural da que falaba Gramsci é unha realidade que se evidencia moito máis en época de crise. Unha realidade contra a que debemos loitar, desarmándoa a través do coñecemento.
A represión é moito máis eficaz canto menos se sabe dela, por iso analizaremos as súas múltiples faces, tantas veces naturalizada e outras tantas sobredimensionada, exemplificándoas con casos concretos da nosa realidade. Diferenciaremos distintas formas de represión segundo o grao da súa intensidade ou visibilidade:
Represión e violencia¶
É a forma máis evidente de represión: cando o poder sente os seus intereses desafiados fai uso da represión, nalgúns casos violenta, encarnada nun corpo policial que fai acto de presenza de forma selectiva nas manifestacións sociais, que tortura, que desafiuza, que retén a inocentes e deixa libres a culpables. Son exemplos de represión violenta a exercida contra os presos políticos independentistas, a exercida nas manifestacións do metal no ano 2009 ou máis recentemente contra os mariñeiros do cerco, ou mesmo contra traballadores e traballadoras individualizadoas, como o caso de Xesús Anxo L. Pintos, sindicalista da CIG que foi detido, vexado e maltratado na comisaría de Ferrol.
Represión e lexislación¶
A lexislación que mana do estado burgués non só aporta normalidade democrática às situacións descritas no anterior punto, dotándose dunha xustiza que delimita o “correcto” do “punible”, se non que avanza na destrución dos dereitos das clases populares, adaptándose ós intereses da burguesía en cada momento.
Temos exemplos en numerosos campos: no político, cando ilegalizan partidos políticos, cando reducen os escanos dos Parlamentos para que os partidos do sistema manteñan o poder institucional, ou cando políticos corruptos saen impunes de procesos máis que turbios; no laboral, desde o momento no que o despido improcedente non significa a readmisión; no sindical, con diversos traballadores/as e sindicalistas condenados a prisión por exercer o seu dereito a defenderse, como Carlos e Serafín; no social, cando nos privan do dereito de manifestación ou de expresión por medio de sancións económicas; e ata no biolóxico, cando non nos permiten ás mulleres decidir sobre o noso corpo.
É difícil gañar cando xogamos contra quen ten o poder de cambiar as regras do xogo no medio do mesmo: algo que acontece coa nova lei de seguridade cidadá, aprobada o 11 de xullo. Os medios do PP véndena agora como un texto con menor dureza que o inicial: pretenden que esquezamos que aumentan o catálogo de infracións e que intensifican as sancións establecidas pola lei anterior, logrando así, o seu duplo obxectivo de reprimir protestas e recaudar fondos.
Represión e hexemonía¶
Menos visibles pero moi eficaces son aqueles instrumentos que fan un dano estrutural, como a prensa ou o ensino e que logran, de xeito sibilino, crear unha conducta concreta, unha cultura dominante, alicerzar determinados valores, ir tecendo, en definitiva, as redes do pensamento único e hexemónico.
A súa finalidade deste é que non sexa necesario o seu uso máis violento. Se o poder logra facer que os intereses sociais coincidan cos seus, poderá aplicar todo tipo de contrarreformas sen oposición de ningún tipo.
Non menos importantes na actualidade é a tecnoloxía da información. Xa sabemos que os avances tecnolóxicos non son neutros: o feito de que poidamos, por exemplo, participar “libremente” de redes sociais ou que dispoñamos de servizos de mensaxeria instantanea gratuítos, ten un custe. Canto máis coñecemento teña o poder sobre nós, máis doado lle resultará desartellar organizacións sociais ou políticas, porque poderá debilitalas no momento que considere oportuno.
Represión e traballo¶
O dereito ó traballo debera ser inherente á nosa condición de traballadores/as. Xogar co medo das persoas a perder o posto laboral é o modo de represión quizais menos evidente de todos pero igualmente moi efectivo. Unha persoa que dependa dun salario para comer sempre vivirá con maior temor unha folga nun contexto como o actual, sobre todo se pertence a grupos de risco (como nais con fillos pequenos, ou persos maiores de 50 anos).
A represión, concluímos, está presente, en todas e cada unha das polas nas que se sustenta o estado burgués (como despacho de negocios do grande capital). Resúltalles necesaria para seguir mantendo o seu dominio e control sobre os medios de produción, eixo da riqueza. Aínda que os exemplos que amosamos forman parte da nosa realidade nacional, non debemos esquecer que as forzas represivas actuan e coordínanse mundialmente, recrudecéndose en momentos críticos, como actualmente no caso de Ucraína.
Enfrontámonos, pois, a un pensamento político represivo propio da fase máis avanzada do capitalismo: o imperialismo. É preciso, por tanto, que a loita contra a represión (que é en última instancia, unha loita contra o capital) sexa tamén internacionalista. É vital que tomemos conciencia do mundo no que vivimos e que utilicemos todas as armas das que dispoñamos, que son fundamentalmente catro: a formación teórica, favorecer a unidade das traballadoras/es, unha organización sólida con militancia entregada e consciente e, sobre todo, a crenza irrefutable de que podemos vencer.