A armadilla da riqueza dependente

Galiza é unha terra fértil e chea de recursos, cunha localización, ás portas das autoestradas marítimas, que favorece o comercio exterior. Unha situación que calquera país envexaría. Sen embargo, nas condicións actuais de falta de soberanía e subdesenvolvemento económico da nosa nación, a norma é a explotación salvaxe e a curto prazo, sen ter en conta o esgotamento e reservándonos unha condición dependente e colonial.

Un exemplo que nos últimos tempos está na palestra é o caso das explotacións de megaminaría como Touro-O Pino ou Corcoesto. Trátase de proxectos pensados para maximizar a extracción de recursos no menor período de tempo posíbel; un exemplo claro de explotación salvaxe, no que empresas multinacionais se asentan nun territorio alleo e explotan as súas riquezas co apoio incondicional dos partidos sistémicos, sen ter en conta as condicións ambientais ou sociais chegado o momento do esgotamento da propia mina. O único interese de empresas como, neste caso, Atalaya Mining, é obter o maior beneficio económico nun tempo reducido. No seu proxecto non se contemplan as consecuencias para o entorno durante e despois da explotación. A afectación do uso agrario e forestal da zona é evidente, así como a contaminación das augas no entorno da mina. Ante este panorama, prevese que o proxecto supoña outro atentado ambiental que signifique, á fin e ao cabo, a destrución do medio rural da comarca.

Pero, debería unha empresa ter vía libre para actuar deste xeito? A resposta evidente nun país soberano pensando no interese da maioría é non. Mais cando a realidade de Galiza é tan diferente a este escenario, chégase a situacións nas que a destrución do medio sae tan barata que non se esixe a estas empresas nin sequera investimentos para garantir a seguridade da explotación. O balance final, será que no mellor dos casos, Atalaya Mining ofreza certo número de traballos precarios que eliminarán unha vez esgotados os recursos. Chegado ese día, terá levado millóns de euros de beneficio e deixará no país outra comarca devastada.

Este xeito de entender a extracción de recursos do país non é novo. É o modelo herdado da ditadura franquista que arrasou a Galiza enchéndoa de centrais hidroeléctricas e abriu as portas a ENCE e, con ela, á eucaliptización dos montes. Estas experiencias levan demostrando ao longo dos anos que non deixan atrás de si mais que destrución do medio e precariedade laboral. Afianzan a idea de que non somos máis do que unha colonia da que espoliar recursos naturais e humanos; un país servil ao capital estranxeiro que exerce o seu dereito de pernada na nosa terra co beneplácito dos gobernos da Xunta e do Estado. As institucións fan ouvidos xordos aos estudos de expertos e reprimen as protestas cidadás, mentres os medios colaboran silenciando ou ofrecendo información nesgada da situación. E é que a explotación dos nosos ríos, as minas a ceo aberto, a eucaliptización masiva do monte e a destrución do sector gandeiro e pesqueiro non supón máis que a posta en práctica dunhas políticas coloniais e extractivistas onde a nosa nación é fornecedora de recursos para grandes empresas multinacionais, traendo máis miseria, precariedade e destrución dos nosos espazos naturais fronte ao enriquecemento dunha minoría.

O ano pasado, o goberno da Xunta de Galiza preparou unha xogada mestra que aínda facilita mais os trámites para as empresas que pretenden exercer o papel de colonizadoras na nosa terra. A aprobación da Lei de Depredación de Galiza por medio da maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento Galego, e sen ofrecer información aos galegos e galegas, significa, a fin de contas, unha vantaxe substancial para as empresas e a redución da marxe de actuación para os sectores sociais que se opoñan ao proxecto. Preténdese así que a estimulación da economía galega pase por convertela nun espazo extractivo ao servizo do capital financeiro globalizado.

Coa aprobación da nova lexislación ofrécense facilidades ás empresas como o maior acceso á terra e a menor esixencia de obrigas ambientais e sociais. Aínda que na práctica isto viña sucedendo con anterioridade, ao estar recollido agora na lexislación limítase o papel dos concellos e da opinión popular, e redúcense os tempos de aprobación dos proxectos, polo que na práctica imposibilita a presentación en prazo de informes de avaliación en materia ambiental que poidan vir a frear as iniciativas do capital.

As implicacións a longo prazo da aprobación desta lei van ser importantes. Desde a expropiación de terras que se acumularán nas mans de multinacionais mediante a figura de “utilidade pública” até a modificación do modelo enerxético, pasando pola limitación das actividades económicas do rural. No noso país cada vez é mais difícil adicarse á agricultura ou á gandería, mentres que se facilitan proxectos de multinacionais eléctricas, forestais, ou mineiras. Mentres se destrúe a paisaxe autóctona e se priorizan especies invasoras nos nosos montes que limitarán tamén o papel da industria madeireira, tan importante na nosa nación. O obxectivo é restar importancia á industria autóctona así como a un sector primario que foi sempre a base da economía galega. No seu lugar, preténdese potenciar un modelo neocolonial a pivotar sobre a extracción literal da riqueza da terra, amparado no capitalismo salvaxe e polo tanto no esgotamento de recursos a calquera prezo.

Este modelo asúmese en consonancia co status actual. No marco do actual sistema económico, os proxectos sustentábeis que respecten o entorno e a sociedade non son rendibéis, e cando, ademais, onde se toman as decisións só nos consideran periferia da que obter riqueza, as cartas a xogar son limitadas. É preciso por iso mudalo todo e partir da base de que só nós mediante a conquista da soberanía política e económica imos poder avaliar axeitadamente as nosas capacidades, recursos e necesidades e xestionalas deixando a un lado os intereses dunha minoría para planificar a nosa economía cos intereses da maioría no centro do taboleiro. Por suposto a industria ten que ter un espazo fundamental na nosa economía, mais non calquera industria, e non a calquera prezo. Os intereses do conxunto do pobo galego terán que ser a nova regra. Se non o facemos, virán mais Atalayas e máis Corcoestos, mais eucaliptos e máis verteduras.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde