30 anos de frontismo no BNG

No mes de setembro vanse facer trinta anos, tres décadas exactas, do nacemento como organización política do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Unha organización que tiña a vontade de recoller as diferentes sensibilidades, organizadas ou non, existentes no nacionalismo naqueles primeiros anos da década dos 80 do século pasado. O lema desta asemblea constituínte, celebrada os días 25 e 26 de setembro no Frontón de Riazor, xa era toda unha declaración de principios: “Por un frente amplo de unidade nacionalista”.

Por tanto, cando en 1982 se pensaba en articular o nacionalismo político con vocación de hexemonía social, houbo una coincidencia case xeneralizada de que a mellor fórmula era una organización de carácter frontista recollendo as experiencias e tradicións de décadas anteriores. E non só iso, senón que tamén se tivo en conta que o frontismo era o modelo político-organizativo polo que optaran diferentes experiencias postas en marcha en países que loitaban pola súa liberación nacional. E de aí que o BNG nacese como una organización frontista e non como un partido ao uso.

Esa aposta, do nacionalismo político en Galiza, polo frontismo respondía, xa que logo, a unha reflexión de fondo, que tiña que ver coa configuración dunha organización que vertebrase do xeito máis acaído a tendencia á atomización existente até daquela no nacionalismo galego. Máxime nun momento en que había que enfrontar, desde o punto de vista nacional, a tentativa dunha “Reforma política” que visaba consolidar un Estado español que negaba a existencia da súa plurinacionalidade e, nesa lóxica, calquera posibilidade de recoñecer a soberanía política das nacións galega, vasca e catalá.

E así foi que o modelo frontista, malia as contradicións lóxicas derivadas da dificultade de xestionar unha organización diversa e plural, foi o que, porén, permitiu alargar a base social e o corpo militante do nacionalismo de maneira significativa. E foi este modelo o que posibilitou aglutinar, no seo dunha única organización (plural e asemblearia), partidos e colectivos. Un proceso que culminou nos anos 90, aínda que, con posterioridade se viñesen dando procesos de reconfiguración interna.

En todo caso, o frontismo do BNG ía máis alá dunha simple fronte de partidos ou colectivos, xa que se combinaba a natureza frontista co asemblearismo, baixo o principio un/una militante, un voto, configurando unha organización onde se prima o peso da militancia alén da súa adscrición partidaria ou non. Isto, tendo en conta ademais que a maioría da militancia do BNG era -e é- unha militancia non adscrita a ningunha organización ou colectivo.

O modelo frontista no BNG de hoxe

Transcorridas, por tanto, tres décadas desde o xurdimento do BNG, o que se constata é a necesidade de que ese modelo perviva, como mellor xeito de aglutinar a diversidade do pensamento nacionalista e de esquerdas. Se cadra, non na súa totalidade, mais si recollendo un espectro amplo de sensibilidades, que teñen un encaixe moito máis doado nun modelo frontista que nun modelo partidario de corte tradicional.

Porén, estes trinta anos de práctica frontista tamén permiten percibir eivas de funcionamento que cómpre analizar e corrixir, co fin de non perverter un modelo que demostrou a súa eficacia. Eivas que tiveron que ver, por exemplo, en interpretacións que fixeron algúns como entender o BNG com unha fronte de partidos, o cal os levaba a actuar desde esa lóxica. Unha lóxica contraria ao asemblearismo e que deixaba fóra das decisión á maior parte da militancia do BNG.

Houbo tamén quen, desde a súa prevalencia como organización maioritaria, caeu una tentación de transladar mecanicamente posicións desa organización ao conxunto da fronte, furtando o necesario debate democrático dentro do BNG, o que provocou un certo déficit democrático. Un funcionamento que frustrou á militancia independente que percibiu como se vía relegada do seu papel como militante para pasar a ser simplemente cotizante. Isto facilitou, ademais, que colectivos que tentaban impor un modelo de organización con principios ideolóxicos diferentes aos que o BNG historicamente defendera alimentasen de forma demagóxica ese descontento, ocultando os seus verdadeiros obxectivos. O exemplo máis palpábel viuse con motivo da XIII asemblea nacional do BNG, celebrada en xaneiro deste mesmo ano, no que sectores que finalmente abandonaron o BNG abandeiraban nos debates -ás veces, de xeito máis público que interno- a súa discrepancia co modelo frontista, mentres agochaban en certa maneira uns postulados político-ideolóxicos que eran unha emenda á totalidade ao nacionalismo popular que o BNG representa historicamente. Isto xerou que sectores da militancia que sempre avalaran o modelo frontista comezasen a poñelo en cuestión, na medida en que interpretaban que o frontismo conducía inevitabelmente á confrontación interna, cando en realidade o que existía era unha mala praxe política en relación ao modelo frontista.

A día de hoxe, pasados os ecos da XIII asemblea nacional e cun BNG centrado en dar resposta ás políticas neoliberais e en construír unha alternativa sólida e coherente, no seo do Bloque seguen a convivir partidos, colectivos e correntes nos que se organizan militantes en función da súa adscrición ideolóxica. E así mesmo, a grande maioría da organización segue, porén, a estar conformada por militantes non adscritas/os. A liña política do BNG é un exercicio de síntese entre esas diferentes sensibilidades, e debe ser produto dun debate no que o conxunto da militancia participe, e participe ao mesmo nivel, alén da súa libre adscrición a calquera das sensibilidades existentes.

É posíbel que en ocasións haxa momentos en que o modelo frontista, por mor dunha aplicación non acaída, xere novos debates internos que o cuestionen como mellor fórmula para acoller a diversidade do nacionalismo político existente en Galiza. Cada vez que isto aconteza será o momento de abordar con rigor e seriedade aquelas cuestións que non funcionen e que lastren o BNG, e de abordármolo entre todos e todas. Seguramente cheguemos á conclusión de que non é tanto o frontismo como modelo o que está errado, senón a interpretación que algúns fan dese modelo. Cando menos, para nós, trinta anos de historia demostran iso, a vixencia do frontismo como modelo e a necesaria vixilancia sobre a súa aplicación no día a día do BNG.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde