Na Vila e Corte está disposto o cuadrilátero. Son catro os púxiles e cada un ten o seu recanto. Os catro, varóns (seica a chamada “nova política” vén inzada do mesmo grao de testosterona e machos alfa que a “vella política”). Os catro xogan a ser presidentes do Goberno español. Presidentes, nunhas eleccións, ás Cortes Xerais do Estado, que en realidade non son presidenciais, senón lexislativas. O que se escolle é un parlamento composto por 350 deputados e deputadas (á parte, o Senado). 23 deses deputados e deputadas serán electas por circunscricións galegas, que se corresponden coas catro provincias en que está cuarteada a nación galega desde o primeiro terzo do século XIX. Mesmo este simple detalle, que Galiza non sexa unha circunscrición electoral única, é ben expresivo da desorientación e nugalla política e intelectual na que están instalados os que, por nós deciden, nos centros de poder aloxados na metrópole. E isto, aínda entendendo as especificidades propias de cada un dos territorios galegos, xa que non as exactamente as mesmas as urxencias e necesidades da chamada Galiza interior que as da Galiza que se vertebra a ambos os lados do Eixo Atlántico.
Porén, nin Madrid nin a discrecionalidade televisiva que vai guiar a campaña das eleccións do 26-X (ao igual que aconteceu na do 20-D) contemplan, baixo ningún punto de vista, que o foco político-mediático se desvíe de plano e deixe de enfocar os catro púxiles que contenden baixo eses fogos de artificios electorais aos que se quere reducir esta democracia de baixa intensidade que vivimos no Estado español. O protagonismo único está neles e nas forzas políticas que representan. O caduco bipartidismo (PP – PSOE), que foi a base do réxime político saído e pactado (de costas ao pobo traballador) no posfranquismo, rexorde en forma de tetrapartidismo, coa irrupción de dous novos actores políticos -Podemos e Ciudadanos- que, lonxe de poñer en risco o statu quo existente, rivalizan apenas por representar iso que se dá en chamar “nova política” e apelan ao denominado “cambio”, fórmula tan baleira e gastada que dificilmente pode resultar críbel para calquera que estea minimamente atento á política, a non ser que sexa incapaz de ir máis alá do que impoñen as bandeiras do ‘hooliganismo’ que hoxe se axitan sen máis en boa parte do espectro político existente.
Así as cousas, moitas das voces existentes na pluralidade política do Estado español van ficar silenciadas, máis unha vez, no medio do balbordo mediático que dita a ‘realidade única’ e na que non teñen cabida outras maneiras de entender o actual estado de cousas. Fóra van quedar, mesmo, expresións políticas que representan maiorías sociais en determinados territorios do Estado, nomeadamente as que representan a vontade soberanista dos pobos catalán e vasco, e igualmente as voces, certamente máis apagadas, que desde Galiza reclaman –reclamamos- a nosa vontade de ser, de existir e de gobernarnos por nós mesm@s.
Esta democracia demediada, feita á imaxe e semellanza do epicentro madrileño, nada quere saber das preocupacións e demandas da súa propia periferia, como se o absurdo sistema radial de transporte e comunicacións do Estado español, que hoxe padecemos, debese ter o seu correlato na representación político-institucional, tamén de carácter radial, de maneira que Madrid e só Madrid (polo tanto, a “España única”) ten a soberanía e o poder de decisión. No fondo, isto responde a unha sorte de ‘negacionismo’ que fai máis larga esa fenda de discriminación histórica que un país coma o noso soporta. Mentres pagamos en carne viva todos e cada un dos efectos nocivos que para a poboación galega ten a dependencia (a falta dun poder político propio) -que se expresan no día a día en baixos salarios e pensións, nunha economía produtiva escasamente desenvolvida ou na nefasta protección do noso medio natural e da lingua e cultura propias-, temos que ver como as nosas reivindicacións como país son, na práctica, desoídas, e iso cando chegan a ser realmente formuladas. O cal ten a ver, así mesmo, co ‘sucursalismo’ con que se comportan boa parte das forzas políticas galegas hoxe existentes. E digo ‘sucursalismo’ como caracterización obxectiva das forzas políticas –ou candidaturas electorais- que se supeditan aos intereses que emanan dos centros de decisión de Madrid, por riba desoutra lóxica, que situaría o poder de decisión en Galiza, e polo tanto entendendo como verdadeiro suxeito o pobo galego.
Malia todo, hain@s que non nos resignamos a que isto sexa así, as e os que non resignamos a que as únicas voces políticas que escoite a poboación sexan as que saen dos catros recantos do cuadrilátero instalado en Madrid, baixo ducias de cámaras e de focos acaparando horas de radio, páxinas de xornais e grellas televisivas até o cansazo. E non nos resignamos, en primeiro lugar, por un simple sentido democrático das cousas. O pluralismo político, a diversidade ideolóxica, é elemento constitutivo dunha democracia digna de tal nome, aínda que xa sabemos que aquí a democracia da que gozamos cada día está máis empequenecida (en realidade, indo máis alá, habería que se preguntar se é posíbel unha democracia real se esta está sometida aos ditados da barbarie capitalista).
E en segundo lugar, non nos resignamos a que se silencien outras voces políticas –como a nosa, a do nacionalismo de esquerdas en Galiza- porque son transmisoras de alternativas (políticas, económicas, sociais…) cualitativamente diferentes ás que emanan das catro forzas políticas ás que se pretende reducir a pluralidade existente no Estado español, e nomeadamente nos seus diferentes pobos e nacións.
Por tanto, ten todo o sentido reclamarmos, esixirmos, que por un mínimo sentido do decoro político haxa posibilidades, e posibilidades verificábeis, de contrastar ou confrontar democraticamente as diferentes propostas políticas e os diferentes programas que se presentan a unha contenda electoral como a dos comicios lexislativos do mes de xuño. Non o facer así, e imposibilitar debates que respondan á proximidade do día a día das persoas (por tanto, dos seus ámbitos territoriais propios) sería laminar, máis unha vez, o pluralismo político, inherente a un sistema democrático. En definitiva, sería tamén unha fraude aos cidadáns e cidadás, ao conxunto do pobo, que verían furtadas do debate público esoutras propostas e alternativas políticas que, aínda podendo ser máis ou menos minoritarias, forman parte dun mapa político máis variado e feraz do que adoitan presentarnos, nese cuadrilátero madrileño que, día a día, poñen ante os nosos ollos.
E nese sentido, hai que facer un claro emprazamento ás diferentes forzas políticas que aspiran a ter representación en cada unha das circunscricións do noso país para que acepten un debate público acerca das propostas, da alternativa e do programa político co que se presentan a estas eleccións. Non facelo así, socava os dereitos que temos como cidadáns e cidadás á confrontación de ideas e de idearios, e por tanto, ao pluralismo político e ideolóxico.
Hai debate?